Galego // Español

A Cabra Galega

HISTORIA

A orixe filoxenética da Cabra Galega está no representante ancentral Capra hircus aegragus, de orixe europea, que na súa forma secundaria racial derivaría no primitivo tronco pirenaico.

As testemuñas mais antigas recollidas na Cova de Pala da Vella (situada no concello de Rubiá, ao este da provincia de Ourense) documentan restos de animais domésticos como vacas, porcos, ovellas e cabras. De forma aproximada, pódese afirmar que os restos máis antigos cabras remóntanse ao IV milenio a.C., en pleno Neolítico.

A especie cabrúa, xunto coa ovina, era a máis abundantes no período prerromano. A tendenza virou posteriormente coa romanización, cando a especie bovina pasou a ser predominante, unha situación que se mantén ata os nosos días. Ademais dos achados arqueolóxicos, tamén queda patente a presenza de cabras nesta época polos textos de Estrabón (64 a.C. – 25 d.C.) nos que se alude a sacrificios relixiosos de machos cabrúns.

Na época romana, grazs aos achados atopados, queda patente que do gando cabrún aproveitabanse prácticamente todalas produccións: carne, leite, esterco, pel, pelo e cornos, dado que os animais sacrificabanse entre os 2 e os 4 anos de idade. Este gando era máis importante nas vilas que nas cidades. Dadas as súas peculiares características sempre estivo unido a zonas rurais sobre todo de montaña. A súa explotación estaba moi vinculada a do gando ovino, presentándose nunha proporción de 3:1 ovino-cabrún, debido sobre todo á maior capacidade de ramoneo do cabrún e por obterse del pelo en vez de la. Os restos atopados de animais desta época reflicten que as cabras eran dun tamaño aproximado de 63 cm de alzada e con presenza xeneralizada de cornos.

Na Idade Media, o gando ovino e cabrún resulta importante sobre todo pola súa pel, xa que utilizabase para a elaboración de calzado e vestidos. Nesa época o curtido dos pelicos e a industria do coiro tiveron un notable desenvolvemento en Galicia.

Durante os séculos XVI e XVII Galicia presenta unhas condicións favorables para a gandería, xa que existían grandes superficies para o pastoreo e unha baixa densidade de poboación. Desta maneira ,o censo de gando, tanto bovino, ovino e cabrún, era elevado nas explotacións, atopándose as tres especies na maioría das ganderías.

No século XVII aumentan a superficie de terreo cultivado e a poboación, polo que disminue o terreo dedicado ó gando. O gando cabrún é o primeiro en acusar estos factores, producíndose a súa disminución, e mesmo desaparición nalgunhas comarcas, debido a que era o que presentaba mais problemas para as árbores e os cultivos.

No século XIX é cando a gandería volve experimentar un claro ascenso, e neste caso benefíciase o gando cabrún. Nesta época as explotacións seguen un réximen de autoabastecemento, sendo o gando vacún o mais relevante, pero seguido en importancia polo gando ovino e cabrún.

Na primeira mitade do século XX, o gando cabrún experimenta un incremento e resalta polas súas excelentes calidades, como queda reflectido en distintos artigos e escritos desa época.

Rof Codina, nos seus traballos sobre os concellos de Chantada, Carballedo, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, para a elaboración da Estadística dos animais domésticos e os seus principais productos existentes en España a 31 de decembro de 1932, fai mención das características do gando cabrún que existía en Chantada:

  • Gando presente na parte agreste do concello. 
  • As crías vendense para o consumo particular. 
  •  Os adultos vendense para os lugares de producción de viño. Aprovéitase a súa carne, cunha preparación baseada no salgado e afumado; e tamén os seus pelicos para transportar viños e aguardentes, despois dun peculiar curtido.

No xornal El Progreso o día 29 de marzo de 1946, tamén aparece un artigo onde se resaltan as características das cabras e o feito de que o seu censo está a incrementar:

  • Animal que aproveita pastos duros e vexetais arbustivos, inutilizables para vacas e ovellas. 
  • Animal que se explota para leite, carne e pel. 
  • Alta porcentaxe de partos dobres e triples. 
  •  O leite consúmese en fresco ou transformado en queixo, mezclada co de vaca (queixo do Cebreiro). 
  •  A pel empregase para encuadernacións, calzado, odres ou pelellos para transportar fariñas, viño ou aceite. 
  •  O esterco ten alto valor para a agricultura pola súa riqueza nitroxenada.

Dende mediados do século XX houbo unha regresión bastante marcada nos censos de ovino e cabrún, directamente relacionada coas repoblacions forestais. Estas deron lugar a reducción importante das zonas de pasto aproveitadas polas citadas especies, quedando relegadas no caso das cabras ás zonas montañosas, onde a reforestación era máis complicada.

Na actualidade o sector está a experimentar unha profesionalización, e cada vez son máis numerosas as explotacións que crían exclusivamente gando cabrún ou de forma conxunta co gando ovino, xa que resulta unha formula idónea para optimizar os recursos naturais que posúe a comunidade galega.

ˆ Subir

 

SISTEMAS DE EXPLOTACIÓN

Os rabaños de cabras en Galicia sempre estiveron ligados ás zonas de montaña, onde se explotaban en veceiras (rabaños comunitarios), normalmente de forma mixta xunto con gando ovino. Tamén existían pequenos rabaños en zonas de menor altitude, xunto con gando bovino, que servían de produción complementaria. Este tipo de explotación en veceiras xorde pola necesidade de optimizar os recursos naturais, ademais de diminuír a man de obra necesaria para o coidado do gando. Existían dous tipos de organización, un no que se lle encargaba o traballo a un pastor ou pegureiro e outro no que cada veciño se ocupaba do gando uns días segundo o número de cabezas que posuía (rolda).

En canto aos sistemas de explotación, atópanse desde rabaños puramente extensivos, nos que as cabras dormen fóra nas épocas do ano que a climatoloxía o permite, ata as explotacións semiextensivas, nas que as cabras se recollen ao mediodía e á noite ou soamente pola noite, pasando todo o día fóra.

ˆ Subir

 

IMPORTANCIA E PRINCIPAIS CARACTERÍSTICAS DA RAZA

• Rusticidade e alta capacidade de adaptación ao medio. Trátase dunha característica froito, sen dúbida, da propia selección natural á que se viu exposta ao longo dos anos, como consecuencia de habitar nos lugares onde escaseaban os recursos.
• Resistencia ás enfermidades maior ca noutras especies.
• Axilidade, o cal lle permite acceder a lugares case inalcanzables para outros animais na procura de alimento.
• Capacidade especial para dixerir celulosa, o que fai que sexa capaz de aproveitar troncos leñosos que outras especies non comen mediante o chamado ramoneo.
• Alta prolificidade. A maioría dos partos son de 2 e 3 cabritos cando as condicións son favorables.
• Poliéstrica permanente. Aínda que, por causas de manexo, os partos adoitan concentrarse en febreiro e marzo, nos rabaños nos que os machos están todo o tempo coas femias pódense atopar partos distribuídos por todo o ano.
• Mellora do medio ambiente no que habita. Cando se realiza o pastoreo de forma controlada, favorece o equilibrio ecolóxico, xa que realiza unhas tarefas de limpeza, eliminando mato, plantas leñosas e maleza en xeral. Neste sentido, axuda a previr e limitar os incendios forestais.

ˆ Subir

 

MORFOTIPO

Trátase de animais de perfil recto ou subcóncavo, eumétricos e sublonxilíneos. Capa de cor vermella, aceptándose as distintas tonalidades, dende rubia ata retinta. Por rexións, podemos describir as características da raza do seguinte xeito:

1. Cabeza
Cabeza braquicéfala e pequena. De perfil frontonasal recto a subcóncavo. Fronte
lixeiramente abombada debido ao nacemento dos cornos. Ollos grandes e expresivos. Fuciño rosáceo. Orellas de tamaño pequeno ou medio, finas, erectas e movedizas. Presenza de barba ou perilla nos machos e menos frecuente en femias. Presenza de topete ás veces nos machos. As cornamentas son de maior tamaño en machos ca en femias, con maior predominio en arco ou aegagrus ou íbex e en menor proporción en espiral. Aceptándose nas femias só os cornos en arco.

2. Pescozo
Pescozo fino e longo en femias, sendo nos machos máis groso e forte. Frecuente a presenza de aros ou gorgueiras..

3. Tronco
Tórax amplo e ben desenvovido con costelares arqueados. Peito desenvolvido e cruz lixeiramente destacada. Liña dorsolumbar rectilínea ou levemente enselada. Cruz dos cadrís curta e lixeiramente caída. Ventre voluminoso e recollido, sobre todo nos machos. A cola é curta e ergueita.

4. Ubre
Ubre recollido e ben implantado, recuberto de pilosidade, con tetos ben diferenciados e pequenos.

5. Extremidades
Membros finos con articulacións fortes e marcadas e tendóns robustos. Bos apromos. Pezuños fortes.

6. Capa
Capa completamente uniforme, de cor vermella con distintas tonalidades, dende o rubio ata o retinto. O pelo é curto e brillante nas femias e de lonxitude media nos machos. Sen embargo, en ocasións aparecen no mesmo animal variacións de lonxitude nalgunhas rexións corporais (raspil, calzón), sobre todo nos sementais. A pel é forte e elástica.

7. Alzada e peso
Dependendo do sistema de explotación e manexo aplicados, estímase que o rango medio de peso e alzada nas femias atópase nos 40-50 quilos e 60-70 centímetros e nos machos, nos 55-70 quilos e 70-80 centímetros.

ˆ Subir

 

CARACTERÍSTICAS PRODUTIVAS

O obxectivo principal e case único da explotación da cabra galega é a produción de carne, destacando neste sentido a venda de cabritos leitóns con pesos de 10-12 quilos, alimentados só con leite das nais, ou cabritos un pouco maiores, de 3-4 meses, con maior peso en canal e cebados xeralmente a base de cereal.

ˆ Subir

 

DISTRIBUCIÓN XEOGRÁFICA E SITUACIÓN ACTUAL

A distribución xeográfica destes animais é, principalmente, polas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, destacando neste sentido as zonas dos Ancares e O Courel, en Lugo, e as serras da Baixa Limia e de Queixa, en Ourense. O Catálogo oficial de razas de ganado de España inclúe dende hai uns anos a Cabra Galega no grupo de razas autóctonas de protección especial en perigo de extinción. Co obxectivo de tentar recuperar esta raza, dende Boaga estanse a realizar unha serie de traballos de prospección e marcaxe dos animais que cumpren co estándar racial, así como un rexistro das ganderías onde se atopan estes animais.

ˆ Subir

 

Fuente: "Revista das Razas Autóctonas Gandeiras Galegas" nº 5, Verán 2010.


Situación

paramos

"A Ferreira"
Paramos - Val do Dubra
(A Coruña)
Tel: 699 444 424
cabragalega@valdodubra.com

 

> GALERIA DE FOTOS e VIDEOS